Mellora Sarria reclama medidas para recuperar a tradición dos doces típicos do municipio

A plataforma social Mellora Sarria alertou da progresiva desaparición dunha parte do patrimonio gastronómico tradicional do municipio e reclamou medidas para garantir a conservación e recuperación dos doces máis representativos da vila. O colectivo advirte de que elaboracións históricas como os melindres, os rusos ou os santitos perderon presenza ou calidade co paso dos anos, mentres que moitos dos fornos tradicionais xa pecharon ou teñen unha actividade residual.
Segundo sinala a entidade, os melindres deixaron de elaborarse como se facían antigamente, os rusos desapareceron practicamente por completo e os santitos afastáronse das súas receitas orixinais. A esta situación súmase, aseguran, a substitución progresiva de produtos artesáns por elaboracións industriais máis económicas, un fenómeno que consideran unha ameaza para a identidade gastronómica local.
Mellora Sarria sostén que a perda destes doces supón tamén a desaparición dun legado cultural ligado á historia da vila. A plataforma destaca que se trata de elaboracións únicas, asociadas á memoria colectiva, ás celebracións e ás tradicións de varias xeracións de sarriáns. Ademais, lembra que arredor destes produtos existía unha actividade económica vinculada á produción e á venda que tamén se foi reducindo co paso do tempo.
Para reverter esta situación, a entidade propón a creación dunha escola de oficios especializada na recuperación da repostaría tradicional de Sarria. O obxectivo sería localizar e documentar as receitas orixinais, formar novas xeracións de profesionais na elaboración artesanal destes produtos e garantir a continuidade deste coñecemento.
A iniciativa tamén aposta por establecer medidas de protección para estas elaboracións e por impulsar mecanismos que eviten a súa desaparición definitiva. Desde Mellora Sarria consideran que aínda é posible preservar este patrimonio gastronómico, pero advirten de que é necesario actuar canto antes para evitar que se perdan receitas e técnicas que forman parte da historia e da identidade da vila.