Monseiro celebrará o seu magosto o 14 de novembro cunha tarde de baile, música e castañas

A Asociación de Veciños e Cultural de Monseiro, en Sarria, celebrará o vindeiro 14 de novembro o seu magosto cunha xornada de actividades arredor da música e o baile tradicional, na que tamén haberá iscos e castañas.
A programación comezará ás 19:00 horas cun obradoiro de baile tradicional impartido por Ruth Pérez, bailadora, cantareira e mestra en diferentes asociacións da provincia. A actividade está aberta a todas as persoas interesadas, independentemente da súa experiencia co baile.
Ás 20:00 horas será a quenda dos iscos e as castañas, mentres que os máis pequenos poderán participar nunha foliada infantil aberta tamén a quen queira sumarse. A música continuará ás 22:00 horas co grupo de pandeireteiras Por Vir, da A.C. Peleriños.
A partir das 23:00 horas tomará o relevo MURGUINSKY, antes de dar paso a unha foliada libre na que poderá participar todo o público.