O IES Xograr Afonso Gómez de Sarria organiza un mercado solidario de libros de segunda man para axudar a Huellas Sarria

O IES Xograr Afonso Gómez de Sarria porá en marcha unha iniciativa solidaria e colaborativa de aprendizaxe-servizo coa que busca recadar fondos para colaborar con Huellas Sarria, a protectora de animais da localidade, que este domingo 15 de novembro celebrará o seu décimo aniversario cunha xornada especial aberta á participación da veciñanza.
A actividade, organizada polo alumnado de Proxecto Competencial de 4º da ESO xunto coa súa profesora, Raquel Rois, incluirá un mercado de libros de segunda man que está previsto para esta avaliación, antes das festas do Nadal.
Para preparalo, o centro habilitará durante a vindeira semana un espazo na biblioteca destinado á recollida de libros usados. Desde o instituto animan as familias a revisar os libros que teñen na casa e achegar aqueles exemplares que xa non utilicen, así como a participar posteriormente no mercado mercando algún dos títulos dispoñibles.