O MUVICLA acollerá a II Edición da Xornada 360 Sector Castaña

Láncara acollerá o sábado 14 de novembro a segunda edición da Xornada 360 Sector Castaña, organizada pola Asociación Galega das Castañas e dos Soutos. O encontro desenvolverase nas instalacións de MUVICLA (Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria), situadas en A Eirexe, na parroquia de Trasliste, e contará coa colaboración da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do propio museo.
A xornada abordará os principais retos da castañicultura desde unha perspectiva integral, con atención á conservación e xestión dos soutos tradicionais, aos criterios para establecer novas plantacións e ás dificultades actuais do sector. A programación tamén incluirá unha proposta gastronómica para mostrar as posibilidades culinarias da castaña.
As actividades comezarán ás 9:45 horas coa recepción dos asistentes e a inauguración, a cargo de José Antonio Liñares, presidente da Asociación Galega das Castañas e dos Soutos, e Marcos Vázquez Marey, director de MUVICLA e responsable de promoción do CRAEGA.
Ás 10:15 horas, Pedro Álvarez Álvarez, catedrático de Enxeñaría Agroforestal da Universidade de Oviedo, abrirá o programa técnico coa conferencia 'Os soutos tradicionais fronte ao cambio climático: xestión, recuperación e conservación'. A súa intervención centrarase nas medidas necesarias para preservar e recuperar estas formacións tradicionais ante as novas condicións climáticas.
De 11:00 a 11:45 horas, José Manuel Queijas, integrante da asociación organizadora, abordará as claves para establecer novas plantacións de castiñeiros na conferencia 'As novas plantacións de castiñeiros'. Despois dunha pausa para o café, de 11:45 a 12:15 horas, celebrarase unha mesa redonda, entre as 12:15 e as 14:00 horas, sobre a problemática actual do sector e as súas perspectivas de futuro.
A programación rematará cunha proposta gastronómica centrada na castaña. O chef Domingo González Lorenzo, do Hotel Balneario Caldaria, en Lobios, será o encargado de conducir o II Showcooking da castaña, que se desenvolverá de 14:00 a 15:30 horas. A actividade incluirá unha demostración culinaria en directo durante a primeira media hora e unha degustación posterior para as persoas participantes.