O xulgado require a La Unión de Sarria documentación económica e administrativa dos últimos cinco anos

SarriaXa
A citación xudicial, prevista para o 9 de decembro, chega tras seis requirimentos por burofax de varios socios, que solicitan acceso ás contas, actas, movementos bancarios, subvencións e información sobre o persoal da entidade
edificio-Sociedade-La-Unión-Sarria
29 Nov 2026

O Tribunal de Instancia de Sarria emitiu un documento de dilixencias preliminares para requirir ao presidente da Sociedade Cultural Recreativa La Unión, José Quiñoá Díaz, que exhiba e entregue copia dunha ampla documentación económica e administrativa da entidade correspondente ao período comprendido entre 2021 e 2025.

A iniciativa parte de varios socios da sociedade, que presentaron unha solicitude xudicial co obxectivo de acceder a información sobre a xestión da entidade. Segundo indicaban os promotores, a actuación chega despois de realizar ata seis requirimentos mediante burofax para conseguir esa documentación.

A práctica da dilixencia está sinalada para o vindeiro 9 de decembro de 2026, ás 10:00 horas, na sede do Tribunal de Instancia de Sarria. A documentación deberá presentarse en formato dixital para a súa incorporación ao expediente xudicial.

Entre a información solicitada figuran as actas das asembleas xerais celebradas entre 2021 e 2025, así como as contas presentadas e aprobadas neses exercicios. Os socios tamén reclaman coñecer o número de asistentes e de participantes con dereito a voto en cada reunión, así como o resultado das votacións e a identidade das persoas que votaron a favor, en contra ou se abstiveron nos asuntos relativos á aprobación das actas, das contas e á elección da presidencia.

O requirimento inclúe igualmente as actas das xuntas directivas dos anos 2021 a 2026 e o listado de socios a 31 de decembro de 2025, coa clasificación segundo as distintas categorías establecidas pola entidade: socios de número, corporativos, de honra, premium e eventuais. Tamén se solicita información sobre as altas e baixas de socios rexistradas entre 2021 e 2025.

Contabilidade, persoal e subvencións

Outro dos bloques da documentación reclamada céntrase na situación económica da sociedade. Os promotores solicitan os xustificantes de todos os ingresos e gastos dos cinco exercicios, os extractos das contas bancarias, os recibos devoltos e a relación de persoas asociadas ás que corresponden, así como os libros Diario, de Caixa, de Contas Correntes con Entidades Financeiras e de Contas Correntes con Debedores e Acredores, aos que fai referencia o artigo 89 dos estatutos.

Tamén reclaman os xustificantes das inversións realizadas con cargo a subvencións, os ingresos recibidos por estas axudas e os gastos asociados á súa execución.

A petición abrangue ademais documentación laboral, como as nóminas, os rexistros de entrada e saída do persoal e os xustificantes dos seguros sociais dos empregados que traballaron para a sociedade entre 2021 e 2025. Inclúe especificamente o contrato de traballo de Mónica Restrepo Flórez, os pagamentos realizados a outros empregados e as cantidades aboadas ás persoas encargadas de impartir actividades na entidade, como canto, ioga ou ximnasia.

Por último, os socios solicitan os xustificantes dos pagamentos da hipoteca que grava a finca da sociedade durante eses cinco anos e un certificado da Administración de Loterías de Sarria sobre os décimos de Nadal correspondentes ao número que xoga a entidade en cada exercicio.

A documentación requirida deberá ser achegada en formato dixital para que poida incorporarse ao procedemento xudicial.

0.14070606231689