Paradela busca recuperar os nomes da terra que aínda sobreviven na memoria da súa veciñanza

SarriaXa
A campaña "Toponimízate" chegará este venres ao municipio para ensinar a conservar e rexistrar os microtopónimos tradicionais
centro-sociocultural-Paradela
1 Sep 2026

Este venres, 4 de setembro, Paradela abrirá unha nova fronte para recuperar parte do seu patrimonio máis descoñecido: os nomes cos que durante xeracións a veciñanza identificou leiras, montes, camiños, fontes ou outros lugares do municipio. O Centro Sociocultural Manuel Oreste acollerá ás 19:30 horas unha charla da campaña "Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra", coa que se pretende implicar directamente á poboación na conservación desta memoria oral.

A actividade permitirá coñecer como recoller e rexistrar estes nomes a través de Galicia Nomeada, a plataforma colaborativa que facilita a incorporación de novos topónimos e a ampliación da información xa dispoñible. O encargado de explicar o funcionamento da ferramenta será Vicente Feijoo Ares, filólogo da Real Academia Galega e coordinador técnico de Galicia Nomeada.

A recuperación cobra especial importancia nun municipio como Paradela, afectado nas últimas décadas por unha notable perda de poboación. Moitos dos nomes tradicionais do territorio permanecen unicamente na memoria das persoas que os aprenderon das xeracións anteriores, polo que a desaparición destes coñecementos pode supoñer tamén a perda dunha parte do patrimonio cultural local.

Ademais, Paradela non contou cunha recollida completa da súa microtoponimia durante os anos de funcionamento do Proxecto Toponimia de Galicia. Na actualidade, os rexistros existentes son incompletos e corresponden principalmente ás parroquias polas que pasa o Camiño Francés.

Durante a sesión, Feijoo Ares explicará paso a paso como utilizar Galicia Nomeada tanto desde un navegador web como desde un teléfono móbil. As persoas asistentes poderán coñecer como crear unha conta, introducir un novo topónimo, propoñer correccións ou achegar información sobre os nomes que xa figuran na plataforma.

A xornada servirá tamén para poñer sobre a mesa os cambios recentes na toponimia oficial de Paradela. A actualización do Nomenclátor de Galicia aprobada en marzo modificou a denominación da freguesía de San Facundo de Ribas de Miño, que pasa a ser San Fagundo de Ribas de Miño, e adaptou o nome de Moutras á forma oral empregada pola veciñanza: Moutrás.

Outro dos contidos da charla será a explicación da orixe e do significado dos nomes das parroquias de Paradela, a partir da investigación etimolóxica realizada polo académico e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza.

A actividade rematará coa proxección do episodio de "O Seminario de Onomástica responde" dedicado a Paradela, elaborado polo Seminario de Onomástica da Real Academia Galega e presentado polo seu coordinador, o académico Antón Santamarina.

A alcaldesa de Paradela, Montserrat Mulet Sar, e a concelleira de Promoción de Emprego, Formación, Cultura e Novas Tecnoloxías, Ana Belén López Álvarez, presentarán a actividade, que busca que a propia veciñanza se converta en protagonista da recuperación dos nomes que forman parte da historia do municipio.

0.14365220069885