Patricia Rivas, a moza escritora que soña con seguir contando historias a quen queira escoitalas

SarriaXa
A sarriá, de 23 anos, atopou na literatura unha forma de expresar e superar as súas emocións. Con dúas novelas publicadas, non renuncia a seguir escribindo mentres agarda poder estudar Psicoloxía
Patricia-Rivas-Sarria
8 Nov 2026

Jessica Fernández

A literatura como terapia. Así viviu a moza sarriá Patricia Rivas, de 23 anos, o impulso que a levou a escribir a súa primeira obra, "La carta que nunca leerás". Comezou a escribila con 16 anos, de maneira impulsiva e en segredo, ata que conseguiu publicala tres anos despois, tras dedicar dous anos á escritura e outro a contactar coa editorial que finalmente apostou por ela.

Rivas sostén que escribir non é un proceso "fácil", xa que, para expresar o que sentes, "tes que revivir parte das cousas que che pasaron e que te inspiraron para poder escribir, polo que é duro, pero, por outra banda, é liberador, e ao final sérveche para superalas co paso do tempo. Por iso eu vivino como un proceso necesario e como parte dunha terapia que fixen comigo mesma", relata.

Ademais, foi un proceso individual e íntimo, xa que non sabía como ía reaccionar a xente da súa contorna. "Cando chegaron os libros á miña casa, miña nai non entendía nada e díxome que merecía unhas hostias, tanto por non contar que estaba escribindo como polo que escribín".

Daquela tiña 19 anos, pero esa circunstancia non a freou á hora de escribir a segunda parte da súa novela, que publicou un ano despois, con 20. Tras aqueles anos convulsos nos que intentou poñerlle nome ao que sentía, decidiu apostar polos estudos e marchou a Lugo para cursar o ciclo medio de Cociña. Ao rematalo, comezou o superior, pero decatouse de que non era o que esperaba ou de que, simplemente, non era o seu.

Agora, con 23 anos, séntese perdida, como moitos outros adultos novos, aínda que ten claro que o que máis lle gusta é a Psicoloxía. Porén, as decisións que tomou ao non cursar Bacharelato e apostar por un sector afastado dos seus intereses impedíronlle estudar a carreira. "Teño que esperar ata os 25 anos para poder matricularme na UNED para adultos e así por fin estudar o que me gusta", explica.

Pero tampouco abandona a idea de escribir. "Do mesmo xeito que sentín a necesidade, de súpeto, de expresar o que sentía a través da literatura, non pecho as portas a que iso poida volver pasar", comenta. Gústalle moito a ficción, como a dos libros de Albert Espinosa, nos que se mestura a intelixencia emocional cos mundos fantásticos que crea.

Sobre todo, como futura psicóloga, destaca a importancia do apoio para que as persoas poidamos levar a cabo os nosos proxectos persoais. Nese sentido, agradece que a Concellería de Cultura contase con ela este ano na primeira Feira do Libro de Sarria, na sección de escritores novos, xunto a Naila e Álvaro, tamén escritores novos.

"Para min foi unha sorpresa que quixesen contar comigo, a pesar de que o meu último libro o publiquei hai tres anos, polo que ao principio foi estraño, pero sentinme moi cómoda e agradezo tanto que contasen comigo como o apoio que sentín por parte das veciñas e dos veciños", explica. E conclúe que "Sarria é un bo lugar para escribir, porque a xente é moi agradable, axúdante e apóiache".

De cara ao futuro, Patricia non pecha ningunha porta. Cre que podería animarse a escribir de novo, agarda poder estudar e está aberta a seguir participando en encontros arredor da lectura, como clubs de lectura e feiras do libro. Quere compartir a súa experiencia, contar o proceso vital do que naceron as súas dúas novelas e continuar aprendendo neste camiño que chamamos vida.

0.14993786811829