Samos recupera os sabores da cociña medieval cunha xornada de artesanía e gastronomía

Samos acollerá o vindeiro 4 de novembro a xornada 'Saberes: Artesanía no Camiño', unha iniciativa destinada a recuperar e poñer en valor os oficios artesáns e os coñecementos tradicionais. A actividade desenvolverase na Casa do Concello, entre as 10.00 e as 14.00 horas, e incluirá propostas relacionadas coa cestería e a gastronomía, ademais da actuación musical do Grupo Toxo Queimado.
Un dos principais atractivos será un showcooking dedicado á cociña medieval vinculada ao Camiño Francés, ao mosteiro de Samos e aos hábitos alimentarios das clases máis humildes da Galicia medieval. A proposta percorrerá cinco elaboracións inspiradas en distintas etapas históricas, desde o século XII, coas primeiras referencias ao Camiño Francés no Códice Calixtino, ata os períodos feudal e monástico do século XV.
O menú permitirá descubrir como eran as dietas básicas e os recursos cos que se alimentaba a poboación antes da chegada dos produtos americanos. Entre as preparacións figuran sopa de cebola con pan duro de landras e verza; papas de avea con abelás e espinacas; caldo de nabos, nabiza, millo miúdo e castaña; fabas de Lourenzá con grelos e cogomelos; e filloas de castaña con mazá e noces.
As persoas interesadas en participar nos cursos de cestería e cociña poden inscribirse a través de WhatsApp no número 682 54 59 68.