Sarria presenta o proxecto do seu novo espazo cultural, coas asociacións como protagonistas

SarriaXa
A iniciativa, desenvolvida durante dous anos pola Área de Cultura, aposta por unir a Casa da Cultura e a Escola de Música nun centro cultural e escénico con máis capacidade, salas de ensaio, almacéns e unha nova praza aberta á cidadanía
presentacion-casa-da-cultura-sarria
6 Nov 2026

A Área de Cultura do Concello de Sarria, dirixida por César No, presentou o proxecto do novo espazo cultural da vila nun acto aberto á sociedade sarriá e, especialmente, ás asociacións, que están chamadas a ter un papel protagonista na súa futura actividade. A proposta, na que se leva traballando dous anos, busca aproveitar e transformar a Casa da Cultura e a Escola de Música para crear un único centro cultural e escénico, situado no centro da localidade e concibido como punto de encontro para o tecido asociativo.

O proxecto parte dunha análise das carencias das instalacións actuais, que van máis alá da capacidade do salón de actos. Entre os problemas detectados figuran un escenario insuficiente e sen caixa escénica, limitacións técnicas, dificultades para a carga e descarga, falta de accesibilidade e unha distribución pouco funcional, con corredores e espazos residuais, salas en desuso e ausencia de dependencias específicas para ensaios, almacenamento ou exposicións.

 

DE 126 A 305 BUTACAS

A intervención permitirá ampliar o aforo de 126 a 305 butacas e contar cun escenario de 10 por 11 metros, con maiores posibilidades para as representacións. A proposta inclúe tamén seis salas de ensaio, aulas combinables e adaptables ás necesidades das actividades, almacéns para as asociacións e unha sala multifuncional diáfana que poderá acoller exposicións e diferentes propostas culturais. Na primeira planta habilitarase, ademais, unha sala de ensaio específica.

A actuación contempla a reforma e ampliación dos edificios, así como a transformación da contorna exterior, onde se creará unha praza aberta e un auditorio ao aire libre. A intención é que o novo espazo non sexa unicamente un lugar para acoller espectáculos, senón tamén un punto de unión no que as entidades poidan desenvolver actividades conxuntas, compartir recursos e xerar novas sinerxías. A biblioteca, pola súa banda, manterá a súa configuración actual.

 

A participación das asociacións é unha das bases da iniciativa, motivo polo que o Concello quixo presentarlles o proxecto e abrir o debate sobre as posibilidades do futuro centro. A necesidade dun auditorio é unha reivindicación recorrente en Sarria e xa se valorara a opción de actuar no Cine Cisa ou a Feculera, alternativas que ao final non saíron adiante. Porén, o alcalde, Claudio Garrido, sostivo que unha Fundación está valorando que facer coa Feculera e, quizais, poderá chegar a ser un auditorio que acolla eventos máis grandes, pero puntuais, que non substitúe a necesidade dun espazo cultural para o asociacionismo sarriao, como o proxecto que se presentou.

UN PROXECTO CON ALMA

A proposta actual busca dar resposta a esa demanda mediante o aproveitamento das instalacións municipais existentes e crear unha Casa da Cultura máis aberta, accesible e versátil, que funcione como motor da actividade cultural e asociativa de Sarria. Porque, como sostivo César No: "As asociacións deben ser o pulmón deste proxecto e facémolo con toda a nosa vontade de dignificar culturalmente Sarria".

Con respecto aos pasos a dar de cara á consecución desta gran obra, desde o Concello defenden que o primeiro foi a presentación, despois haberá que axustar detalles tendo en conta as suxerencias das asociacións, colectivos e a veciñanza, para logo poder elaborar un anteproxecto. O paso final será a busca de financiamento e, de atopalo, terá que haber unha licitación das obras e levalas a cabo, polo que o proxecto aínda pode demorarse varios anos.

Con todo, defenden que é un proxecto ambicioso e necesario, sobre todo porque algunhas das persoas presentes lembraron que xa no ano 1984 se prometera un espazo destas características, polo que continúan esperando.

Ademais das asociacións, colectivos, persoas relacionadas coa cultura de Sarria e veciñanza en xeral, tamén se puideron ver caras coñecidas no ámbito político como os concelleiros Geni Valcárcel e Félix Seijas, pero tamén Efrén Castro, líder do BNG en Sarria, ou Iván Castro, líder do PSOE en Paradela.

novo-espazo-cultural-Sarria
0.15599799156189