Sindicatos e Concello de Sarria abordan as condicións laborais da Residencia Nosa Señora do Carme

SarriaXa
UGT, CSIF e CIG participaron nunha reunión co Concello, que destaca a incorporación de 16 novos postos á estrutura do centro e defende continuar avanzando mediante o diálogo
residencia-maiores-sarria
Actualizada el 28 agosto 2026, 10:18 horas
27 Aug 2026

O Concello de Sarria mantivo unha reunión de traballo con representantes de UGT, CSIF e CIG para analizar as condicións laborais do persoal da Residencia Nosa Señora do Carme e diferentes cuestións relacionadas coa organización e o funcionamento do centro, no que viven actualmente 91 persoas maiores.

No encontro participaron tamén o presidente do Padroado da Residencia e alcalde de Sarria, Claudio Garrido; o concelleiro de Seguridade, Félix Seijas, e persoal do departamento municipal de Recursos Humanos. As partes abordaron diferentes cuestións relacionadas co persoal e acordaron manter aberta a vía da negociación para seguir introducindo melloras tanto para os profesionais como para os usuarios.

Un dos asuntos destacados polo Concello é a transformación da estrutura de persoal da residencia. Neste sentido, a Administración local sinala que xa se incorporaron 16 novos postos de traballo a través da modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT), unha actuación que, segundo defende, xa está executada e non constitúe unha previsión de futuro.

O Goberno local vincula estas medidas coa mellora da atención aos residentes, ao considerar que o reforzo dos equipos e a mellora das condicións laborais repercuten directamente na calidade do servizo. A residencia conta con profesionais de diferentes ámbitos, entre eles persoal asistencial, enfermería, medicina, xerocultores, traballo social, fisioterapia, animación e administración.

Críticas de CCOO

Tras as informacións difundidas por CCOO sobre a situación da residencia, o Concello quixo aclarar que esta organización sindical tamén fora convocada á reunión. Segundo a Administración local, CCOO coñecía a convocatoria desde o pasado luns, pero finalmente non participou no encontro.

O Concello asegura ademais que o sindicato non se puxo previamente en contacto coa Administración para trasladar as cuestións que posteriormente fixo públicas. Neste sentido, considera que as críticas sobre o funcionamento da residencia deben partir de información contrastada e defende que non se pode falar de falta de actuación municipal tendo en conta as modificacións realizadas na estrutura de persoal e o proceso de negociación aberto cos representantes dos traballadores.

A Administración local sinala que respecta o dereito das organizacións sindicais a formular reivindicacións, críticas ou propostas, pero reclama que estas se baseen en datos que permitan coñecer a situación real do centro.

Promesas do alcalde

O presidente do Padroado da Residencia e alcalde de Sarria, Claudio Garrido, puxo o foco no traballo diario do persoal e na importancia de seguir mellorando as súas condicións. "Os traballadores son unha parte fundamental da residencia. Son eles os que están todos os días ao lado dos nosos maiores, coidándoos, acompañándoos e facendo posible que o centro funcione. Por iso temos que seguir traballando para mellorar as súas condicións", sinalou.

Sobre a reunión cos sindicatos, Garrido valorou a posibilidade de abordar directamente os problemas e propostas: "Hoxe sentámonos, falamos dos problemas, escoitamos propostas e adquirimos o compromiso de seguir avanzando. Esa é a maneira de facer as cousas: falando, negociando e buscando solucións".

O presidente do Padroado tamén destacou o esforzo económico que supón para o Concello manter a residencia e garantir a prestación do servizo aos 91 usuarios. "Manter unha residencia destas características supón un enorme esforzo económico para o Concello. Estamos falando de 91 persoas maiores, das súas familias e dun servizo que consideramos fundamental", afirmou.

Garrido defendeu ademais que a Administración local está introducindo cambios na residencia e insistiu na intención de continuar incorporando melloras coa participación dos representantes dos traballadores.

Porén, en febreiro deste ano, o PSdeG denunciou a situación que atravesan as traballadoras da residencia de maiores Nosa Señora do Carme, onde, por primeira vez na historia do municipio, o persoal quedou sen cobrar a súa nómina. Pola súa banda, en novembro de 2025 foi o BNG o que mostrou a súa preocupación pola situación da residencia, sinalando que os problemas de xestión e financeiros do centro "son consecuencia da incapacidade do goberno municipal para planificar e asumir responsabilidades".

O Concello pide evitar a confrontación

O Concello de Sarria reclama responsabilidade no debate sobre a situación da residencia e considera que o centro non debe converterse nun escenario de confrontación sindical ou política.

"Podemos discrepar, podemos reclamar e podemos ter puntos de vista diferentes. É normal. O que non podemos facer é utilizar unha residencia na que viven 91 persoas maiores como escenario de confrontación", sinalou Garrido.

A Administración local subliña que detrás das discusións sobre o funcionamento do centro hai persoas maiores e familias, polo que considera necesario abordar as diferenzas con rigor e evitando situacións que poidan xerar preocupación entre os usuarios.

Por último, o Concello asegura que manterá aberta a vía de diálogo con todas as organizacións sindicais, incluída CCOO, para abordar novas cuestións relacionadas co persoal ou coa organización da residencia. A Administración agradeceu expresamente a UGT, CSIF e CIG a súa participación na reunión e a súa disposición para continuar negociando.

VALORACIÓN DOS SINDICATOS

CIG, CSIF e UGT, como organizacións sindicais maioritarias na representación do persoal do Concello de Sarria, trasladaron o seu respaldo expreso ás traballadoras e traballadores da Residencia de Maiores Nosa Señora do Carme, ao tempo que recoñeceron a súa profesionalidade, dedicación e compromiso diario coa atención e coidado das persoas residentes.

Segundo explican os sindicatos, durante o encontro o Goberno local trasladou as limitacións existentes para a incorporación de persoal, tanto polas restricións derivadas da taxa de reposición como polas dificultades que se producen nalgúns momentos para cubrir necesidades temporais a través das bolsas de emprego.

No encontro acordouse convocar e actualizar con maior frecuencia as bolsas de contratación, así como reforzar a difusión das convocatorias, co obxectivo de facilitar unha resposta máis rápida ás necesidades de persoal que poidan xurdir na residencia.

Os tres sindicatos consideran tamén necesario continuar avanzando nas diferentes propostas formuladas polo Comité de Empresa e pola representación sindical para mellorar as condicións de traballo. Recoñecen que existen cuestións que deben ser melloradas e reivindicacións que continuarán defendendo, pero apostan por facelo "desde o rigor" e tendo en conta as posibilidades reais do Concello.

CIG, CSIF e UGT aseguran que continuarán defendendo as melloras que precisa a Residencia Nosa Señora do Carme e reclamando ao Concello que, dentro das súas posibilidades, adopte as medidas necesarias para garantir unhas condicións laborais adecuadas e unha atención de calidade ás persoas residentes.

As organizacións sindicais conclúen que manterán esta defensa desde o compromiso cos dereitos do persoal, pero tamén desde o "respecto absoluto" á profesionalidade das traballadoras e traballadores que cada día sosteñen o funcionamento da residencia.

Así, denunciaron as expresións e mensaxes de CCOO, que presentan unha imaxe "extremadamente negativa" da residencia, e sinalan que estas non representan a realidade do centro e poden poñer inxustamente en cuestión o traballo do seu persoal. Ao seu xuízo, este tipo de comunicacións poden xerar preocupación entre residentes e familiares e non contribúen a solucionar os problemas que poidan existir.

CIG, CSIF e UGT aclaran que o seu posicionamento non implica negar a existencia de necesidades ou aspectos susceptibles de mellora na residencia. Neste sentido, sinalan que levan tempo defendendo a necesidade de avanzar nas condicións laborais do persoal, na organización do servizo e na adecuada cobertura das necesidades de persoal.

Ademais, condenaron que CCOO non estivese na reunión, malia estar igualmente convocada, tendo en conta que as informacións que motivaron a convocatoria proceden precisamente desta central sindical.

0.30921816825867