O pleno de Sarria estivo marcado pola concentración contra a planta de Oural e a seguridade na vila

A concentración da sociedade sarriana volveu marcar o pleno ordinario de Sarria cun ambiente crítico coa tramitación da planta de residuos sólidos recuperados que Votorantim proxecta en Oural. Veciños e veciñas concentráronse diante da Casa do Concello da man da plataforma Sarria Aire Limpo para expresar a súa oposición ao proxecto e á concesión da licenza necesaria para a súa posta en marcha.
Durante a protesta, os participantes portaron carteis nos que se podían ler mensaxes como "Concello cómplice. Sarria non quere emisións tóxicas", en referencia á tramitación municipal vinculada á futura planta da empresa.
Xa no interior da sesión plenaria, todos os grupos aprobaron por unanimidade o Plan Estratéxico de Subvencións 2026-2028 e o convenio entre o Concello e a Asociación Banda de Música de Sarria, cunha vixencia de catro anos.
A seguridade cidadá foi outro dos asuntos abordados. O Partido Popular presentou unha moción para reclamar un reforzo dos medios e efectivos de seguridade no municipio, tanto a través do Ministerio do Interior como mediante medidas de competencia municipal.
Entre as propostas incluídas figuraba a transformación do actual cuartel da Garda Civil en Posto Principal, así como o incremento dos efectivos dos corpos de seguridade. A iniciativa saíu adiante por unanimidade, polo que o Concello solicitará ao Ministerio do Interior a creación deste posto en Sarria.
A petición xustifícase, entre outros motivos, polo importante número de peregrinos e visitantes que recibe o municipio, así como pola súa condición de cabeceira comarcal, o seu paso polo Camiño Francés e a súa extensión territorial. A conversión do posto actual en Posto Principal permitiría, segundo se expuxo no pleno, incrementar os efectivos dispoñibles e garantir a prestación do servizo durante as 24 horas.
A principal discrepancia chegou coa segunda parte da proposta popular, relativa á creación dunha nova praza xudicial en Sarria. A portavoz do PP, Carmen José López, defendeu a necesidade desta medida ao considerar que o Tribunal de Instancia da localidade presta servizo a unhas 21.000 persoas e soporta unha elevada carga de traballo.
A necesidade de reforzar o servizo xudicial foi compartida polo resto dos grupos, aínda que BNG e Camiña consideraron necesario implicar tamén á Xunta na petición, ao corresponderlle á Administración autonómica a dotación dos medios técnicos e humanos necesarios para acompañar a creación da praza. Neste sentido, a concelleira Reyes Abella propuxo solicitar á Xunta que habilite a correspondente partida orzamentaria e dea resposta ás necesidades trasladadas polo xulgado de Sarria. Desde o PP rexeitaron esta modificación ao considerar "ilegal" destinar fondos a unha praza que aínda non foi aprobada polo Goberno central. Os populares defenderon, ademais, que a posición da Xunta respecto desta cuestión xa está clara, ao ter solicitado tamén a creación da nova praza.