Sarria Aire Limpo promoverá concentracións mensuais contra a planta de CSR en Oural

SarriaXa
A Plataforma social chama á veciñanza a manifestarse os últimos xoves de cada mes diante da Casa do Concello baixo o lema 'Sarria non quere emisións tóxicas'
pleno-sarria-xullo-concentracion-plataforma-sarria-aaire-limpo
24 Sep 2026

A Plataforma Sarria Aire Limpo convoca á veciñanza a participar nunha concentración mensual para expresar o seu rexeitamento á planta de produción de combustible sólido recuperado (CSR) que Votorantim está a construír en Oural.

As mobilizacións celebraranse os últimos xoves de cada mes, de 19:15 a 20:00 horas, diante da Casa do Concello de Sarria. A primeira concentración terá lugar este xoves 24 de setembro.

Baixo o lema 'Sarria non quere emisións tóxicas', a Plataforma anima a participar na manifestación e fai un chamamento simbólico á veciñanza para acudir "coa túa máscara antigás", como expresión da preocupación existente polos posibles efectos das emisións asociadas á actividade da planta.

Sarria Aire Limpo lembra que xa convocou un acto similar en xullo para denunciar publicamente este verán a tramitación da licenza municipal concedida para a instalación. Segundo a Plataforma, o Concello outorgou a licenza sen contar coa autorización previa da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, un requisito que, ao seu xuízo, vén establecido pola Lei de Augas, pola Lei do Solo e polos propios informes emitidos pola Confederación.

A Plataforma tamén cuestionou a falta de transparencia na tramitación municipal, ao sinalar que a orde do día da Xunta de Goberno Local na que se aprobou a licenza non foi publicada na web do Concello, a diferenza do que acontece habitualmente co resto das sesións.

Unha planta para producir combustible a partir de residuos

Desde a Plataforma sosteñen que a instalación que Votorantim está a construír en Oural ten como finalidade a produción de combustible sólido recuperado (CSR), un combustible elaborado a partir de residuos e destinado a ser utilizado como combustible na propia fábrica.

Segundo o proxecto, a capacidade de produción poderá chegar ata 149.700 toneladas anuais de CSR. A Plataforma alerta ademais de que, xunto cos pneumáticos que xa se utilizaban como combustible, o proxecto contempla a incorporación de ata 92 tipos diferentes de residuos, entre eles lodos industriais, lodos procedentes da fabricación de pesticidas, residuos da extracción con disolventes e residuos de pinturas e vernices, entre outros.

Para Sarria Aire Limpo, resulta especialmente preocupante que non se avaliaron adecuadamente os posibles impactos desta actividade sobre a saúde das persoas e o medio ambiente nun contexto no que existe evidencia científica sobre os riscos asociados aos procesos de coincineración de residuos.

A Plataforma advirte de que estes procesos poden xerar emisións de substancias contaminantes como dioxinas, furanos, partículas, metais pesados, dióxido de xofre e óxidos de nitróxeno, con posibles efectos sobre a calidade do aire, da auga e do solo.

Entre os riscos asociados a determinados contaminantes emitidos nestes procesos están as enfermidades respiratorias e cardiovasculares, alteracións do sistema inmunitario e efectos sobre o embarazo e o desenvolvemento infantil.

0.14359998703003