Sarria aproba por unanimidade reparar o matadoiro para impulsar a súa reapertura

O pleno de Sarria aprobou por unanimidade acometer as reparacións necesarias no matadoiro municipal co obxectivo de proceder á súa reapertura inmediata. O acordo, porén, non fixa prazos concretos para a volta á actividade e mantén abertas as incógnitas sobre o futuro modelo de xestión do servizo.
A iniciativa partiu dos tres grupos da oposición municipal, PP, PSOE e BNG, que consensuaron unha moción tras as reunións mantidas con carniceiros, gandeiros e veciños da comarca. Os colectivos afectados trasladaron aos partidos a necesidade urxente de recuperar o servizo, despois de que un encontro previo co alcalde, Claudio Garrido, e coa concelleira Ceni Valcárcel rematase sen solucións concretas nin compromisos firmes.
Ante a falta de avances co Executivo local, representantes do sector reuníronse cos grupos da oposición para analizar a situación e reclamar medidas inmediatas que permitan retomar a actividade. Durante ese encontro, as tres formacións coincidiron en destacar que o matadoiro municipal constitúe unha infraestrutura esencial para a economía rural da comarca e defenderon a súa continuidade por enriba das diferenzas políticas. A moción buscaba instar ao goberno local a executar as reparacións necesarias para reabrir as instalacións o antes posible.
O debate desenvolveuse nun pleno seguido por numeroso público, formado maioritariamente por usuarios do matadoiro. No texto aprobado reclamábase ao Concello unha aposta decidida por este servizo, acometendo as obras e reparacións precisas para garantir a súa reapertura inmediata e unha xestión municipal “eficiente” que asegure a continuidade da prestación. Os grupos da oposición acusaron ao alcalde e ao seu equipo de goberno de demostrar “con palabras e feitos” a intención de pechar este servizo fundamental, lembrando que hai máis dun ano xa se vivira unha situación semellante e que foi a presión social e política a que permitiu a súa reapertura.
O portavoz do BNG, Efrén Castro, foi o primeiro en intervir e asegurou que resulta “imposible” que cada vez que se produce unha avaría no matadoiro esta sexa tan grave que non poida resolverse en menos de 30 días. Na súa opinión, o goberno local utiliza os problemas da maquinaria para “castigar” aos usuarios porque, segundo afirmou, “quérese pechar”. Castro advertiu ademais de que seguirán “pelexando” ata que o servizo volva funcionar.
Desde o PSOE, Benjamín Escontrela lembrou o peso do sector gandeiro na comarca e reclamou a reapertura inmediata e a reparación urxente das instalacións. O portavoz socialista advertiu de que a situación “está a causar prexuízos directos ao sector agrogandeiro, cárnico e comercial”, obrigando a numerosos profesionais a desprazarse a outros matadoiros, asumir máis custos e afrontar novas dificultades no seu traballo diario.
Escontrela subliñou que o matadoiro “non é un servizo menor nin afecta só a un pequeno grupo de profesionais”, senón que presta servizo a gandeiros, carniceiros, explotacións familiares, salas de despece, produtores locais e comercio de proximidade. Defendeu tamén que a comarca “non pode perder unha ferramenta que permite pechar o ciclo produtivo no territorio, apoiar o produto local e manter actividade económica ligada ao rural”, cualificando de “incomprensible” a ausencia dunha actuación inmediata por parte do goberno municipal.
O portavoz socialista foi máis aló e asegurou que o problema non responde unicamente a unha avaría puntual, senón a unha “falta de compromiso político prolongada no tempo”. Ademais, acusou ao alcalde de cuestionar en varias ocasións a continuidade do servizo público, lembrando que o rexedor defendeu publicamente a idea de “matadoiro si, xestión pública non”, ao considerar que se trata dunha competencia impropia dun Concello.
Na mesma liña pronunciouse a portavoz do PP, Carmen José López, quen asegurou que “custa entender” que as avarías do matadoiro non teñan solución, especialmente cando o Concello contou co apoio da Xunta e da Deputación para afrontar os gastos. Tamén lembrou que falta apenas un ano para as eleccións municipais e advertiu de que un goberno en minoría “non pode comprometer un servizo que funcionou durante tanto tempo”.
Pola súa banda, a concelleira responsable do matadoiro, Geni Valcárcel, rexeitou as críticas e asegurou que “nin o pechamos nin temos previsto facelo”. Segundo explicou, o peche definitivo nunca estivo enriba da mesa e o único que se valorou foi deixar de prestar o servizo mediante xestión municipal. “Somos os primeiros interesados en que siga aberto”, afirmou.
En relación coa situación actual, detallou que o pasado 30 de marzo deixou de funcionar o box de aturdido de porcino e posteriormente avariouse a desolladora de vacún, sumándose ademais outras deficiencias nas instalacións. Segundo indicou, só o equipo de sedación supón un custo de 200.795 euros, sen incluír as obras necesarias para a súa instalación, engadindo ademais que non existen empresas en Galicia que subministren este material. Tamén apuntou que as únicas axudas recibidas polo matadoiro ascenden a 50.000 euros da Deputación e 24.000 da Xunta.
O grupo de goberno, Camiña Sarria, apoiou finalmente a moción, aínda que sen fixar prazos concretos para a reapertura. Na súa intervención, o alcalde Claudio Garrido volveu poñer sobre a mesa o debate sobre o modelo de xestión. O rexedor considerou que un matadoiro non debería ser municipal e apelou a abrir un debate “serio” e profundo sobre o futuro do servizo, afastado do “populismo”. Tras cifrar en 250.000 euros anuais as perdas das instalacións, indicou que o Concello “non pode pensar só no matadoiro”, tendo en conta que asume un déficit de 1,8 millóns de euros en servizos municipais. No seu turno de palabra tamén retou á oposición a presentar unha moción de censura e “poñerse a xestionar”.
Ademais, o pleno aprobou tamén por unanimidade unha moción do PP para impulsar melloras nas infraestruturas rurais da contorna de Fontao de Arriba, tras unha reunión coa veciñanza da zona. A proposta céntrase na conservación dos camiños e na solución das deficiencias existentes na drenaxe e evacuación de augas que afectan ás vías públicas deste ámbito.
E tamén foi aprobada a moción do BNG en defensa da sanidade pública, que foi aprobada por unanimidade cos votos a favor de BNG, PSOE e Camiña Sarria.