Sarria <30 encherá a Praza de Abastos cunha xornada sobre cultura, patrimonio e emprendemento na comarca

GaliciaXa | SarriaXa
O evento central do programa pechará os laboratorios realizados nas últimas semanas con actividades abertas ao público e participación interxeracional
Sarria-org-Ouvirmos
29 May 2026

Sarria <30 celebrará o sábado, 30 de maio, o seu evento central cunha xornada dedicada á cultura, ao patrimonio e ao emprendemento na comarca na Praza de Abastos de Sarria, unha cita aberta á cidadanía que servirá como peche dos laboratorios desenvolvidos durante as últimas semanas nos distintos concellos da comarca.

Ao longo de todo o día reuniranse iniciativas culturais, proxectos emprendedores, entidades sociais, colectivos e profesionais vencellados á creación, ao patrimonio e á dinamización do territorio, nun espazo pensado para fomentar o intercambio de experiencias e visibilizar o talento novo da zona.

Durante toda a xornada, a Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego de Galicia disporá dun punto informativo con materiais e recursos vinculados ao emprendemento no territorio.

A programación dará comezo ás 11.30 horas coa sesión “Emprender desde a igualdade”, na que participarán Ana Silva Romero e Paula Carrera Sotelino, da ONGD Enredadas Galicia. A proposta xirará arredor da igualdade, a xustiza global e o impulso do autoemprego desde a sostibilidade e a economía social, nun formato participativo baseado no intercambio de experiencias e retos. Ademais, nos días previos puido visitarse no Vello Cárcere de Sarria unha exposición relacionada co proxecto Enredadas no cambio.

Ás 12.30 horas terá lugar a Mesa de Patrimonio Inmaterial, guiada polo antropólogo, investigador e divulgador Rafael Quintía, que afondará nas festas e tradicións locais como expresión de identidade colectiva e como recurso cultural e turístico para o territorio. Participarán representantes das Danzas da Cervela do Incio, unha das mostras máis singulares das danzas gremiais galegas e exemplo de transmisión oral e continuidade cultural; da Asociación Meigas e Trasgos, cuxa Noite Meiga de Sarria, festa que recentemente obtivo a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia e que recupera o imaxinario popular arredor da música, a maxia, os conxuros e as crenzas tradicionais desde unha perspectiva contemporánea e participativa; e da Asociación Val de Láncara, organizadora da Festa da Malla, unha celebración vinculada ás prácticas agrarias tradicionais que converte a memoria colectiva e o traballo comunitario rural nun espazo de encontro entre xeracións. A mesa contará tamén coa participación de Carme López Fernández, coñecida artisticamente como Carmela, intérprete, docente e investigadora especializada en música de tradición oral galega e doutora pola Universidade da Coruña, que ofrecerá ademais unha pequena intervención musical en formato acústico.

A partir das 13.30 horas desenvolverase unha mesa pop-up gastronómica guiada polo cociñeiro Alberto Mourelo, centrada na posta en valor dos produtos locais e da cultura gastronómica da comarca desde unha perspectiva de innovación e territorio.

Xa pola tarde, ás 17.00 horas, a programación continuará coa Mesa de Eventos Musicais, un encontro arredor do papel dos festivais e iniciativas musicais na dinamización cultural da comarca, coa participación de representantes da Asociación Cultural Rúa da Música, Asociación O Buril, Festival Terra Brava, Festival Treme Terra, Rivela Love Nature e Verbena Fest, que compartirán experiencias e novidades dos seus proxectos.

Ás 18.30 horas celebrarase a Mesa de Emprendemento <30, centrada en experiencias impulsadas por persoas mozas da comarca en distintos ámbitos profesionais, coa participación de Julia Lago, da Grelería do Incio; DHG Team e Santa Bikes, de Sarria; Antía Castro, de Óptica Malecón; Elena López, vinculada ao motociclismo galego; César No, director de marketing de Galimplant; e Mel Casa Benito, do Incio.

O peche da xornada terá lugar ás 20.00 horas nun ambiente festivo coa actuación de SAHA, artista sarriao que mestura produción musical e interpretación cun estilo propio, presentando en formato showcase o seu último traballo, “SUPERSUAVE”.

Sarria <30 é un programa que busca crear espazos de participación, aprendizaxe e encontro a través da cultura, a formación e o lecer na comarca de Sarria, poñendo o foco nas persoas arredor dos 30 anos. Os laboratorios e actividades están abertos á participación de persoas doutras idades, colectivos e perfís profesionais, coa finalidade de enriquecer os procesos desde unha perspectiva interxeracional e intercultural. Este proxecto conta coa colaboración do Ministerio de Cultura, da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais e do Concello de Sarria.

0.11532711982727