Trinta anos de arte efémera e traballo colectivo: o Corpus Christi de Sarria

GaliciaXa | SarriaXa
Veciños, voluntarias, peregrinos e deseñadores sosteñen desde 1996 unha celebración que converte cada ano as rúas de Sarria nun símbolo de unión e creación colectiva
alfombra-floral-Sarria-Corpus-actual-portada
31 May 2026

Jessica Fernández

En 1996, a Confraría do Santo Enterro e a Soidade, fundada por Rocío Rodríguez Núñez, decidiu poñer en marcha en Sarria unha tradición que, tres décadas despois, continúa sendo un dos grandes símbolos culturais e visuais da vila: as alfombras florais do Corpus Christi. Para iso, a confraría contactou coa artista e mestra xa xubilada Violeta Bernardo, quen aceptou o reto de deseñar unhas alfombras que acabarían converténdose nunha das imaxes máis recoñecibles de Sarria.

“Liáronme”, lembra Violeta Bernardo ao rememorar aquel primeiro ano no que comezaron a traballar coas flores que había. “Fixemos os perfís con flor de toxo amarela e despois coas que iamos atopando, así como con serradura”, relata. Aquelas primeiras alfombras naceron literalmente sobre o pavimento das rúas, debuxadas a man e construídas flor a flor grazas á implicación veciñal. Violeta Bernardo reuniu un grupo de nenos para axudar na elaboración das alfombras e entre eles estaba un mozo Hernando Caldeiro, quen anos despois acabaría tomando a remuda á fronte do deseño.

“Resultou moi ben”, lembra Violeta sobre aquela primeira experiencia, que acabou converténdose nunha responsabilidade que asumiu durante 15 anos consecutivos. As alfombras percorrían daquela o traxecto entre a igrexa do Salvador e Santa Mariña, mentres numerosas familias participaban na preparación de materiais e na decoración das rúas.

A elaboración comezaba moito antes do día do Corpus. As tarefas previas ocupaban semanas enteiras e requirían unha organización case artesanal. Un mes antes cortábanse plantas e flores, especialmente o mirto e a tuia, mentres o serradura se tinguía manualmente con anilinas. “Aí non había máquinas nin nada”, lembra. Todo o traballo realizábase de forma manual e colectiva, cunha dedicación constante que implicaba a numerosas mulleres da vila. “Empezamos na Casa do Marqués e despois fomos á igrexa do Rosario; faciamos o que podiamos segundo o tempo”, explica a artista.

Para Violeta Bernardo, o deseño das alfombras sempre tivo un compoñente artístico moito máis profundo ca unha simple decoración floral. “Eu tomábao coma se fose unha instalación artística”, asegura. “Non é o mesmo facer un debuxo de 30 por 30 ca un debuxo de 9 metros por 6”, explica, consciente da complexidade técnica que supón trasladar un bosquexo a superficies de grandes dimensións. Aínda así, insiste en que o verdadeiro valor das alfombras nunca estivo unicamente no deseño. “Isto é un traballo en equipo e canta máis xente participe, moito mellor. Non se lle pode dar o mérito a unha persoa”, afirma.

En 2011, Violeta decidiu dar un paso ao lado e Hernando Caldeiro tomou a remuda para encargarse do deseño principal das alfombras florais. Desde entón, e sempre da man da Confraría primeiro e posteriormente, en 2015, do Concello de Sarria, garantiuse a continuidade dunha celebración que xa formaba parte da identidade da vila. Aínda que a confraría deixou de organizar oficialmente as alfombras, moitas das mulleres que participaran durante anos continuaron colaborando dun ou doutro xeito, así como outras voluntarias alfombristas, na súa maioría mulleres, que dedican semanas enteiras a preparar todos os materiais necesarios para o Corpus.

O PROCESO DE CREACIÓN DAS ALFOMBRAS

Hernando Caldeiro explica que o proceso creativo continúa sendo moi similar ao de hai tres décadas. Todo comeza con pequenos bosquexos sobre papel que posteriormente se amplían ata alcanzar as dimensións reais de cada tapiz. “Empezo debuxando en papel pequeno as ideas e despois escáloo a un papel coas dimensións reais que se van poñer na rúa”, explica. Unha vez preparados os deseños, os papeis fíxanse sobre o chan e sobre eles colócanse flores, serradura e virutas tinguidas. Tamén se utilizan moldes para calcar con xiz ou mediante moldes de madeira con ocos que despois se enchen con flores, miúdos ou serradura de cores.

Detrás desa espectacular imaxe final existe un complexo traballo de organización que comeza semanas antes, ao que se suma a meteoroloxía e as doazóns florais que chegan durante os días previos. “Dependemos das flores que imos recibindo, entón imos adaptando o deseño que tiñamos planificado. Todo depende do tempo que faga, se chove, se non…”, explica Hernando.

Hernando Caldeiro distingue así dúas grandes fases no proceso. A primeira corresponde a toda a loxística previa, un traballo invisible pero fundamental para que o sábado previo ao Corpus poida arrincar a elaboración das alfombras. “Ten que estar todo ben: que os materiais estean cortados, que estean en caixas, que estean distribuídos na rúa, que saiban onde teñen que ir, que as virutas estean tinguidas, os caldeiros, as pas…”, enumera. Despois chega o momento de recoller todo o material utilizado, outra tarefa que tamén require coordinación e esforzo colectivo.

A segunda parte é a elaboración das alfombras propiamente dita, unha xornada intensa que obriga a ducias de persoas a pasar horas axeonlladas sobre o chan colocando flores e serraduras. Co paso dos anos, o equipo foi perfeccionando métodos para axilizar o traballo e simplificar algunhas tarefas. Actualmente, por exemplo, as virutas e a serradura tínguense utilizando unha amasadora, unha solución que permite traballar máis rápido ante a redución das doazóns florais.

Con todo este traballo, constrúense as alfombras florais do Corpus de Sarria, que están formadas por tres grandes tapices principais: un situado no adro da igrexa do Salvador, de aproximadamente 6 por 6 metros; outro fronte ao templo, na zona da Fortaleza e as Letras de Sarria, duns 6 por 9 metros; e un terceiro fronte á igrexa de Santa Mariña, de arredor de 5 por 9 metros. A eles súmase a gran alfombra floral da Rúa Maior, dividida en dous treitos de 175 e 75 metros de lonxitude, ambos de 2 metros de ancho. En total, as alfombras cobren unha superficie aproximada de 635 metros cadrados.

A IMPORTANCIA DA PARTICIPACIÓN

A participación cidadá continúa sendo un dos piares esenciais desta tradición. Hernando insiste en que o traballo cambia completamente segundo o número de voluntarios implicados. “Non é o mesmo facer todo iso entre 50 persoas ca entre 100”, sinala. Precisamente, un dos aspectos que máis lle preocupa é o descenso de participación nalgúns momentos, aínda que nos últimos anos xurdiu un fenómeno inesperado: a implicación dos peregrinos do Camiño de Santiago. “Aos peregrinos encántalles participar”, asegura. Moitos deles, incluso esgotados tras a camiñada, detéñense para colaborar durante un anaco na confección das alfombras. “Hai xente que incluso di que marcha porque se lles pecha o albergue”, comenta.

Ademais, para Hernando Caldeiro, o verdadeiro valor do Corpus de Sarria non reside unicamente no resultado visual das alfombras, senón nas relacións humanas que se crean arredor delas. “O máis positivo desta tradición é ter podido relacionarme con xente de xeracións coas que seguramente non coincidiría e coñecer xente de Sarria”, afirma. Asegura que o ambiente de unión que se xera durante eses días é o máis especial de toda a experiencia, “incluso a pesar dos momentos complicados que poidan xurdir cando as cousas non saen como estaban previstas”.

A motivación de quen participa tampouco ten ningún tipo de compensación económica. “É unha actividade sen ningún tipo de remuneración máis alá da satisfacción persoal”, explica Hernando, convencido de que o verdadeiro motor desta tradición segue sendo a ilusión colectiva. Por iso, considera que o día en que desaparezan esas ganas de participar será cando as alfombras corran realmente perigo. “Nestes 30 anos non pasou, sempre saíu adiante, incluso nos anos da pandemia”, destaca.

Consciente de que a continuidade depende das novas xeracións, Hernando leva anos incorporando novos deseñadores para garantir a remuda. Entre eles figuran Caterin López, Marcos Martínez, María Beltrán ou Cristina Amil, que colaboraron en distintos anos na elaboración dos deseños. Aínda así, considera que o verdadeiro risco non está tanto en atopar alguén que deseñe as alfombras, como en manter o grupo humano que as fai posibles. “O día que falten esas persoas será o día que non haxa alfombras”, advirte, en referencia ás ducias de mulleres que durante semanas preparan materiais e organizan cada detalle da celebración.

Trinta anos despois daquel primeiro Corpus de 1996, Violeta Bernardo volverá este ano colaborar xunto a Hernando Caldeiro no deseño dunha alfombra especial con motivo do aniversario. Será unha obra simbólica, pensada tanto para homenaxear a traxectoria destas tres décadas como para animar a novas persoas a implicarse na tradición.

Para Violeta, o Corpus Christi de Sarria representa moito máis ca unha celebración relixiosa ou artística. “É unha tradición moi bonita, porque lle dá realce ao pobo. É unha maneira de posicionarse no mapa”, asegura. Pero, sobre todo, considera que as alfombras florais son unha forma de recuperar algo que, segundo lamenta, se está perdendo na sociedade actual: o sentido de comunidade. “É facer unión durante uns días, traballar ao unísono e achegar todos algo”, reflexiona.

Por iso, insiste na necesidade de que máis persoas participen, tanto na preparación previa como na elaboración das alfombras durante a fin de semana do Corpus. “Ese día é duro. Tes que estar todo o día tirada polo chan”, comenta. Porén, tamén lembra que precisamente ese esforzo colectivo é o que converte esta tradición en algo especial e atractivo para quen visita a vila.

As alfombras florais do Corpus de Sarria nacen para desaparecer apenas unhas horas despois. Tras días de preparación e unha noite enteira de traballo, a procesión do Corpus atravesa as rúas pisando os tapices florais ata desfacelos por completo. Un arte efémera que dura só un instante, pero que desde hai 30 anos segue deixando unha pegada permanente na memoria colectiva de Sarria.

0.11926412582397